Como utiliza Google o recoñecemento de patróns

Como utiliza Google o recoñecemento de patróns para interpretar as imaxes

Os ordenadores non "ven" as fotos e os vídeos do mesmo xeito que as persoas. Cando unha persoa mira unha foto ou un vídeo, pode ver a súa mellor amiga de pé diante da súa casa. Desde o punto de vista dun ordenador, esa imaxe non é máis que unha morea de datos que pode interpretar como formas e información sobre valores de cores. Un ordenador non reacciona como unha persoa cando ve unha foto, pero é posible preparalo para recoñecer padróns de formas e cores determinados. Por exemplo, é posible preparar un ordenador para que recoñeza os padróns comúns das formas e as cores que compoñen a imaxe dixital dunha paisaxe, como unha praia, ou dun obxecto, como un coche. Con esta tecnoloxía, Google Fotos pode organizar as túas fotos e os usuarios poden atopar calquera foto con só realizar unha busca.

Tamén é posible preparar un ordenador para que recoñeza os padróns comúns das formas e as cores que compoñen a imaxe dixital dunha cara. Este proceso coñécese como detección facial e é a tecnoloxía que axuda a Google a protexer a privacidade das persoas en servizos como Street View, onde os ordenadores tentan detectar e desenfocar as caras das persoas que están na rúa cando pasa o coche de Street View.

Se se avanza un pouco máis, a mesma tecnoloxía de recoñecemento de padróns na que se basea a detección facial pode permitir que os ordenadores recoñezan as características das caras detectadas. Por exemplo, pode haber determinados padróns que indiquen que unha cara está sorrindo ou ten os ollos pechados. Esta información pódese aproveitar en funcións como as suxestións de películas de Google Fotos e outros efectos creados a partir das túas fotos e vídeos.

O agrupamento facial de Google Fotos, que está dispoñible en determinados países e permite aos ordenadores detectar caras similares e agrupalas para que os usuarios poidan buscar e xestionar as súas fotos de forma máis fácil, baséase nunha tecnoloxía similar. Consulta máis información sobre o agrupamento facial no Centro de axuda de Google Fotos.

Como funciona a Busca de voz

A Busca por voz permite facer unha consulta de voz mediante unha aplicación cliente da Busca de Google nun dispositivo en lugar de ter que escribir a consulta. Utiliza o recoñecemento de padróns para converter palabras faladas en texto escrito. Envíanse as palabras aos servidores de Google para identificar o que se dixo.

Con cada consulta de voz que se fai utilizando a Busca por voz, almacénase o idioma, o país, e a interpretación do noso sistema sobre o que se dixo. Se nos dás o teu consentimento, conservamos as palabras para mellorar os nosos servizos, por exemplo, para conseguir que o sistema recoñeza mellor as consultas de busca correctas. Só se envían palabras a Google se se tenta utilizar a función Busca por voz (por exemplo, premendo a icona do micrófono da barra de busca rápida ou do teclado virtual, ou ben dicindo "Google" cando a barra de busca rápida indica que a función Busca por voz está dispoñible).