Como utiliza Google as cookies

Nesta páxina descríbense os tipos de cookies e tecnoloxías similares que utiliza Google. Tamén se explica como as usamos nós e os nosos socios na publicidade.

As cookies son pequenos fragmentos de texto que envían ao teu navegador os sitios web aos que accedes. Axúdanlles a lembrar información sobre as túas visitas, o que pode facer que eses sitios che resulten máis útiles e que che sexa máis fácil acceder de novo a eles. Tamén se pode usar tecnoloxías similares, como os identificadores únicos (que se empregan para identificar unha aplicación ou un dispositivo), as etiquetas de píxeles e o almacenamento local. As cookies e as tecnoloxías similares descritas nesta páxina poden usarse para os fins que se describen a continuación.

Para descubrir como protexemos a túa privacidade cando usamos as cookies e obter outra información, consulta a Política de privacidade.

Tipos de cookies e tecnoloxías similares que utiliza Google

É posible que se almacenen no teu navegador, aplicación ou dispositivo todas as cookies ou as tecnoloxías similares descritas a continuación, ou parte delas. Para xestionar como se usan as cookies, visita g.co/privacytools, onde tamén podes rexeitar o uso dalgunhas delas. Tamén podes xestionar cookies no teu navegador (aínda que é posible que os navegadores dos dispositivos móbiles non ofrezan esta visibilidade). Algunhas destas tecnoloxías pódense xestionar na configuración do dispositivo ou na de cada aplicación.

Funcionalidade

As cookies e as tecnoloxías similares que se utilizan para a funcionalidade permítenche acceder ás funcións esenciais dun servizo. Algunhas das capacidades que se consideran esenciais son o feito de lembrar as eleccións e as preferencias (como o idioma que escolles), o almacenamento de información relacionada coa túa sesión (por exemplo, o contido do carro da compra), a activación de funcións ou a realización de tarefas que solicites, así como as optimizacións de produtos que axudan a manter e mellorar o servizo en cuestión.

Úsanse algunhas cookies e tecnoloxías similares para manter as túas preferencias. Por exemplo, a maioría dos usuarios dos servizos de Google teñen nos seus navegadores unha cookie chamada "NID" ou "_Secure-ENID", en función das súas escollas relativas ás cookies. Esas cookies úsanse para lembrar as túas preferencias e outra información, como o teu idioma preferido, o número de resultados que prefires ver en cada páxina de resultados de busca (por exemplo, 10 ou 20) e se queres ter o filtro de SafeSearch de Google activado ou non. Cada cookie "NID" caduca 6 meses despois do seu último uso por parte dun usuario. As cookies "_Secure-ENID" duran 13 meses. As cookies denominadas "VISITOR_INFO1_LIVE" e "__Secure-YEC" úsanse cun obxectivo similar en YouTube, así como para detectar e resolver problemas co servizo. Duran, respectivamente, 6 e 13 meses.

Outras cookies e tecnoloxías similares úsanse para manter e mellorar a túa experiencia durante a sesión. Por exemplo, YouTube usa a cookie "PREF" para almacenar información, como a configuración que prefires para a páxina e as escollas de reprodución (por exemplo, manual, aleatoria e tamaño do reprodutor). No caso de YouTube Music, algúns exemplos destas preferencias son o volume, o modo de repetición e a reprodución automática. Esta cookie caduca 8 meses despois do seu último uso por parte dun usuario. A cookie "pm_sess" tamén axuda a manter a túa sesión do navegador e dura 30 minutos.

As cookies e as tecnoloxías similares tamén se poden usar para mellorar o rendemento dos servizos de Google. Por exemplo, a cookie "CGIC" mellora a obtención de resultados de busca, xa que permite completar automaticamente as consultas de busca a partir da información achegada inicialmente polo usuario. Esta cookie dura 6 meses.

Google utiliza a cookie "SOCS", que dura 13 meses, para almacenar o estado dun usuario con respecto á súa selección de cookies.

Seguridade

As cookies e as tecnoloxías similares que se utilizan con fins de seguranza axudan a autenticar os usuarios, evitar fraudes e protexerte canto interactúas cun servizo.

As cookies e as tecnoloxías similares que se utilizan para autenticar os usuarios contribúen a garantir que a única persoa que poida acceder a unha conta determinada sexa o seu auténtico propietario ou propietaria. Por exemplo, as cookies denominadas "SID" e "HSID" conteñen rexistros encriptados e asinados dixitalmente da hora de inicio de sesión máis recente e do código de identificación da Conta de Google dun usuario. A combinación destas cookies permítelle a Google bloquear distintos tipos de ataques, como os intentos de roubar o contido dos formularios enviados a través dos nosos servizos.

Algunhas cookies e tecnoloxías similares úsanse para detectar o spam, fraudes e usos inadecuados. Por exemplo, as cookies "pm_sess" e "YSC" garanten que as solicitudes realizadas dentro dunha sesión de navegación proveñan do usuario e non doutros sitios. Estas cookies impiden que os sitios maliciosos actúen facéndose pasar por un usuario sen que o saiba. A cookie "pm_sess" dura 30 minutos, e a cookie "YSC" ten a mesma duración que a sesión de navegación do usuario. As cookies "__Secure-YEC" e "AEC" úsanse para detectar o spam, fraudes e usos inadecuados a fin de garantir que non se lles apliquen cargos aos anunciantes por impresións ou interaccións con anuncios fraudulentas ou non válidas, así como para que os creadores de YouTube inscritos no Programa de socios de YouTube reciban unha remuneración xusta. A cookie "AEC" dura 6 meses, e a cookie "__Secure-YEC" dura 13 meses.

Estatísticas

As cookies e as tecnoloxías similares que se utilizan con fins estatísticos axudan a recompilar datos que lles permiten aos servizos entender o xeito en que interactúas con eles. Esas estatísticas permiten que os servizos perfeccionen o contido e creen funcións optimizadas coas que ofrecerche unha mellor experiencia.

Algunhas cookies e tecnoloxías similares axudan a que os sitios e as aplicacións comprendan como interactúan os visitantes cos seus servizos. Por exemplo, Google Analytics usa un conxunto de cookies para recompilar información en nome das empresas que usan este servizo e informar das estatísticas de uso dos sitios sen identificar persoalmente os visitantes. A principal cookie que utiliza Google Analytics, "_ga", dura 2 anos e activa o servizo que se usa para distinguir un usuario doutro. Todos os sitios nos que se implementa Google Analytics, como os servizos de Google, usan a cookie "_ga". Cada cookie "_ga" é exclusiva dunha propiedade, polo que non se pode usar para facer un seguimento dos usuarios nin dos navegadores en sitios web que non estean relacionados coa propiedade.

Os servizos de Google tamén usan, con fins estatísticos, as cookies "NID" e "_Secure-ENID" na Busca de Google, así como as cookies "VISITOR_INFO1_LIVE" e "__Secure-YEC" en YouTube. Con esa mesma finalidade, as aplicacións para móbiles de Google tamén poden utilizar identificadores únicos, como o "código de uso de Google".

Publicidade

Google utiliza cookies con fins publicitarios, como publicar e renderizar anuncios, personalizalos (en función da configuración que escolleses en myadcenter.google.com e adssettings.google.com/partnerads), limitar o número de veces que se lle mostra un anuncio a un usuario concreto, desactivar os anuncios que este quere deixar de ver e medir a eficacia dos anuncios.

A cookie "NID" utilízase para mostrarlles anuncios de Google nos nosos servizos aos usuarios que non teñen a sesión iniciada, mentres que as cookies "ANID", "IDE" e "id" se usan para mostrar anuncios de Google en sitios que non nos pertencen. Os identificadores de publicidade móbil, como o identificador de publicidade de Android (código de identificación de publicidade), utilízanse cun fin similar nas aplicacións para móbiles, en función da configuración do dispositivo. Se tes activados os anuncios personalizados, as cookies "ANID" e "IDE" úsanse para personalizar os anuncios que ves. Se desactivas os anuncios personalizados, as cookies "ANID" e "id" utilízanse para lembrar esta preferencia co fin de que non se che mostren anuncios personalizados. A cookie "NID" caduca 6 meses despois do seu último uso por parte dun usuario. As cookies "ANID", "IDE" e "id" duran 13 meses no Espazo Económico Europeo (EEE), no Reino Unido e en Suíza, e 24 meses no resto do mundo.

En función da túa configuración de anuncios, estas e outras cookies e tecnoloxías (por exemplo, a cookie "VISITOR_INFO1_LIVE") tamén poden utilizarse con fins publicitarios noutros servizos de Google, como YouTube.

Algunhas cookies e tecnoloxías similares que se utilizan con fins publicitarios están destinadas aos usuarios que inician sesión para usar os servizos de Google. Por exemplo, a cookie "DSID" utilízase para identificar os usuarios que teñen a sesión iniciada cando visitan sitios que non son de Google a fin de garantir que se respecte a súa configuración de personalización de anuncios. Esta cookie dura 2 semanas.

A través da nosa plataforma de publicidade, as empresas poden publicar os seus anuncios nos nosos servizos, así como en sitios que non son de Google. Algunhas cookies permiten que Google mostre anuncios en sitios de terceiros e configúranse no dominio dos sitios web que visitas. Por exemplo, a cookie "_gads" permítelles aos sitios mostrar anuncios de Google. As cookies que comezan por "_gac_" proveñen de Google Analytics, e os anunciantes utilízanas para medir a actividade dos usuarios e os resultados das campañas publicitarias. As cookies "_gads" duran 13 meses, en tanto que as "_gac_" duran 90 días.

Algunhas cookies e tecnoloxías similares utilízanse para medir os resultados dos anuncios e das campañas, así como as taxas de conversión dos anuncios de Google nos sitios que visitas. Por exemplo, as cookies que comezan por "_gcl_" utilízanse principalmente para axudarlles aos anunciantes a determinar cantos dos usuarios que fan clic nos seus anuncios acaban realizando unha acción no seu sitio (por exemplo, unha compra). As cookies que se usan para medir as taxas de conversión non se utilizan para personalizar anuncios. As cookies "_gcl_" duran 90 días. Pódense utilizar tecnoloxías similares (como o identificador de publicidade en dispositivos Android) para medir os resultados dos anuncios e das campañas. Podes xestionar a configuración do código de identificación de publicidade no teu dispositivo Android.

Consulta máis información sobre as cookies que se utilizan con fins publicitarios.

Personalización

As cookies e as tecnoloxías similares que se usan con fins de personalización melloran a túa experiencia ao ofrecerche funcións e contidos personalizados, segundo a configuración que definises en g.co/privacytools, ou ben na aplicación ou dispositivo en cuestión.

As funcións e os contidos personalizados inclúen recomendacións e resultados máis relevantes, unha páxina de inicio de YouTube personalizada e anuncios adaptados aos teus intereses. Por exemplo, coa cookie "VISITOR_INFO1_LIVE" pódenseche mostrar recomendacións personalizadas en YouTube baseadas no contido que vises e no que buscases anteriormente. Por outra banda, a cookie "NID" permíteche usar funcións de autocompletar personalizadas na Busca cando escribes termos de busca. Estas cookies caducan 6 meses despois do seu último uso por parte dun usuario.

Outra cookie, denominada "UULE", envía información sobre a localización precisa desde o teu navegador aos servidores de Google co fin de que se che poidan mostrar resultados relevantes para a túa localización. O uso desta cookie depende da configuración do teu navegador e de se decidiches ter activada a localización nel. A cookie "UULE" dura ata 6 horas.

Aínda que rexeites as cookies e as tecnoloxías similares que se utilizan con fins de personalización, o contido e as funcións non personalizados que se che mostren poden verse afectados por factores contextuais, como a túa localización, o teu idioma, o teu tipo de dispositivo ou o contido que ves.

Xestión das cookies no teu navegador

A maioría dos navegadores permítenche xestionar a configuración e o uso das cookies a medida que navegas, así como borrar as cookies e os datos de navegación. Ademais, é posible que o teu navegador dispoña de opcións de configuración coas que podes xestionar as cookies en cada un dos sitios que visitas. Por exemplo, coas opcións de configuración de Google Chrome, dispoñibles en chrome://settings/cookies, podes eliminar as cookies existentes, permitir ou bloquear todas as cookies e configurar as preferencias de cookies para os sitios web. Google Chrome tamén ofrece un modo de incógnito, que elimina o teu historial de navegación e borra do teu dispositivo as cookies das ventás que abras nese modo despois de pechalas todas.

Xestión de tecnoloxías similares nas túas aplicacións e dispositivos

A maioría dos dispositivos móbiles e aplicacións permítenche xestionar a configuración e o uso de tecnoloxías similares, como os identificadores únicos que se usan para identificar unha aplicación ou un dispositivo. Por exemplo, o identificador de publicidade dos dispositivos Android e o identificador de publicidade de Apple pódense xestionar na configuración do dispositivo, mentres que os identificadores específicos de cada aplicación normalmente se xestionan na configuración da propia aplicación.

Aplicacións de Google
Menú principal