Guía de privacidade para adolescentes
A túa privacidade en Google
Aquí poderás atopar respostas a algunhas das principais preguntas que nos fan acerca da privacidade (por exemplo, que son os datos?). Se queres obter máis información, bótalle tamén unha ollada á Política de privacidade.
A túa localización
Coñece Google a miña localización?
Sempre que usas Internet, as aplicacións e os sitios poden calcular máis ou menos onde te atopas, e o mesmo pasa con Google. Isto é, en función da configuración do dispositivo, tamén pode determinar a túa localización precisa. Para obter máis información, consulta a sección Como de precisa é a miña localización?
Cando buscas contido en Google (a través da Busca, Maps ou o Asistente, entre outros servizos), pode utilizarse a localización na que te encontras para ofrecerche resultados máis útiles. Por exemplo, se buscas restaurantes, o máis probable é que os resultados máis útiles sexan os que che mostren establecementos preto de ti.
Para obter máis información, consulta a sección sobre como podes xestionar a túa localización
Como podo activar e desactivar a localización?
Cando fas buscas nos nosos servizos, Google sempre calcula a zona xeral desde a que levas a cabo esa actividade. Como calquera outra aplicación ou sitio web con conexión a Internet que utilices, pode calcular a túa localización a partir do enderezo IP do teu dispositivo. Para obter máis información, consulta o artigo sobre como sabe Google onde estás
Podes activar ou desactivar os permisos de localización do teu dispositivo, así como os de aplicacións e sitios concretos, para escoller se enviar ou non a túa localización precisa cando utilizas Google.
Se defines o teu enderezo particular ou o do traballo e Google determina que estás na casa ou no centro laboral, utilizarase o enderezo pertinente exacto para os efectos da túa busca.
Como de precisa é a miña localización?
A túa zona xeral
Cando fas buscas nos nosos servizos, Google sempre calcula a zona xeral desde a que levas a cabo esa actividade. Deste xeito, podemos ofrecerche resultados relevantes e protexer a túa conta mediante a detección de actividade pouco común, como un inicio de sesión desde unha nova cidade.
Unha zona xeral ten máis de 3 quilómetros cadrados e polo menos 1000 usuarios, de tal forma que non se te poida identificar cando fagas unha busca, o que contribúe a protexer a túa privacidade.
A túa localización precisa
Se lle dás permiso, Google poderá utilizar a túa localización precisa. Por exemplo, necesitaremos esa información a fin de poder mostrarche os resultados máis relevantes cando fagas buscas como "xeado preto de min" ou co obxecto de ofrecerche indicacións paso a paso para ir a pé a unha tenda.
A localización precisa é o lugar exacto onde estás (por exemplo, un enderezo concreto).
Como coñece Google a miña localización?
A información da túa localización provén de distintas fontes, que se utilizan de forma conxunta para calcular onde te atopas.
O enderezo IP do teu dispositivo
Os enderezos IP están relacionados cunha localización xeográfica aproximada, de forma semellante aos prefixos telefónicos. En consecuencia, calquera aplicación ou sitio web que utilices, como google.com, poderá calcular a zona xeral na que te atopas polo teu enderezo IP. O teu fornecedor de servizos de Internet asígnalle ao teu dispositivo un enderezo IP, que é necesario para utilizar a Rede.
A localización do teu dispositivo
Se lle dás permiso a unha aplicación ou a un sitio de Google para acceder á localización do teu dispositivo, esa información pode utilizarse para axudar a determinar onde te atopas. Case todos os dispositivos contan cunha opción de localización integrada no sistema operativo, polo xeral na configuración.
A túa actividade en Google
Google pode calcular a zona xeral na que te atopas a partir das buscas que fixeses con anterioridade nos seus servizos. Por exemplo, se procuras a miúdo "pizza en Bombai", é probable que che interese ver resultados relacionados con esa cidade.
Os teus lugares etiquetados
Se defines o teu enderezo particular ou o do traballo, Google pode utilizalos para calcular onde te atopas. Por exemplo, se estableces un enderezo particular e, segundo o teu enderezo IP, a túa actividade anterior ou outras fontes de información de localización, semella que podes estar preto da casa, utilizaremos ese enderezo como a túa localización aproximada.
Quen pode ver a miña localización?
Ti elixes. Se utilizas a función Compartir localización desde Google, podes compartir a túa localización en tempo real con amizades e familiares en todos os nosos servizos.
Comprobar se estás compartindo a localización
A opción Compartir localización está desactivada de forma predeterminada. Se queres compartir a túa localización en tempo real, debes escoller a persoa á que lle queres facilitar esa información e decidir durante canto tempo queres que teña acceso a ela, ademais de confirmar estas accións. Podes deixar de compartir a localización cando queiras.
Para obter máis información, consulta o artigo sobre como compartir a localización en tempo real con outras persoas
O que se comparte en Google
Que poden ver outras persoas cando comparto contido en Google?
A información que os demais poden ver sobre ti nos servizos de Google depende do que compartas e de como o fagas:
O que compartas publicamente
Se realizas contribucións en aplicacións como Google Maps, as demais persoas poderán ver o teu nome e a túa imaxe. Por exemplo, se valoras a túa xeadaría favorita, a xente poderá ver a túa valoración, o teu nome e a túa imaxe ao consultar ese establecemento en Google Maps.
O que compartas de forma privada
Se compartes contido con outra persoa (como fotos, vídeos e documentos), poderá ver o teu nome e a túa imaxe, ademais do que lle envíes.
Non compartas contigo con outra xente sen antes pensalo ben e reflexionar acerca do nivel de acceso que lle estás dando a esa persoa. Por exemplo, se compartes con alguén o acceso a cartafoles de Google Drive ou a álbums de Google Fotos, entre outras cousas, pode que esa persoa tamén teña acceso ao contido novo que engadas a partir de entón neses directorios.
Quen pode ver o contido que comparto (por exemplo, fotos, vídeos e documentos)?
Podes decidir compartir contido determinado con outras persoas a través dos servizos de Google que utilizas.
Ten en conta que cando compartes contido, é posible que outras persoas o volvan compartir, mesmo en aplicacións e sitios que non pertencen a Google.
Podes eliminar o contido da túa conta en calquera momento, pero deste xeito non se eliminan as copias que xa compartises.
Ten sentidiño co que compartes e faino só con persoas nas que confíes.
Google comparte algunha vez a miña información persoal con outras persoas?
Non compartimos a túa información persoal con empresas, organizacións nin persoas físicas externas a Google agás en determinados casos concretos (por exemplo, cando temos a obriga legal de facelo).
Se tes unha Conta de Google a través do teu centro educativo (unha conta de Google Workspace for Education), quen se encarga de xestionala no centro terá acceso á túa información.
Acceso de quen administra as contas nos centros educativos
A persoa do centro educativo que se encarga de administrar a túa conta de Google Workspace for Education pode ter acceso á seguinte información asociada a ela:
- Acceder e conservar a información almacenada na túa conta, como o teu correo electrónico.
- Consultar estatísticas relacionadas coa túa conta, por exemplo, o número de aplicacións que instalas.
- Cambiar o contrasinal da túa conta.
- Suspender ou cancelar o acceso á túa conta.
- Obter información da túa conta para cumprir coa lexislación, coa normativa, co proceso legal ou cunha solicitude gobernamental executable.
- Limitar a túa capacidade para eliminar ou editar a túa información ou a configuración de privacidade.
En que situacións podería compartir Google a túa información?
Cando nos dás permiso
Por exemplo, se utilizas o Asistente de Google para pedir unha pizza, pedirémosche permiso antes de compartir o teu nome ou número de teléfono co local. Para obter máis información, consulta o artigo sobre como che axuda Google a compartir os teus datos con aplicacións e servizos de terceiros de forma segura
Para os fins descritos anteriormente en relación cos administradores de dominios.
Para o seu tratamento externo: facilitámoslles información persoal a empresas que colaboran connosco no tratamento de datos conforme as instrucións que lles damos. Por exemplo, contratamos organizacións externas para que nos axuden co servizo de atención ao cliente e temos que compartir información persoal con elas para que poidan responder as preguntas dos usuarios.
Por cuestións xurídicas
Compartiremos información persoal fóra de Google se consideramos que podería ser necesario para o seguinte:
- Cumprir con calquera lexislación, regulamento, proceso legal ou solicitude gobernamental aplicables.
- Executar as Condicións de servizo aplicables, incluída a investigación de posibles infraccións.
- Detectar, previr ou solucionar dalgunha outra forma fraudes e incidencias técnicas ou de seguranza.
- Protexer os dereitos, a propiedade ou a seguranza de Google, dos nosos usuarios ou do público en xeral na medida esixida ou permitida pola lexislación aplicable.
Datos e personalización
Que datos recompila Google acerca de min?
Cando utilizas os servizos de Google, recompilamos a información que necesitamos para ofrecerchos, para facer que che resulten máis útiles e por outros motivos que se explican na sección Por que recompila datos Google?
As opcións de configuración permítenche limitar os datos que recompilamos e como os usamos. Por exemplo, se non queres que gardemos o teu historial de YouTube na túa Conta de Google, podes desactivar a opción correspondente. Para obter máis información, consulta a sección Como podo escoller o que garda Google na miña conta?
Que son os datos?
A túa información persoal está formada por aqueles detalles que nos facilitas e que serven para identificarte, como o teu nome ou enderezo electrónico. Neste concepto tamén se engloban outros datos que Google pode vincular de forma razoable contigo, como a información que asociamos á túa persoa na túa Conta de Google.
Dentro da túa información persoal inclúense dous tipos de datos:
A información que facilitas e o contido que creas
Cando creas unha Conta de Google, facilítasnos información persoal, como o teu nome e un contrasinal.
Tamén podes gardar o contido que creas, cargas ou recibes doutras persoas (por exemplo, mensaxes de correo electrónico e fotos).
A túa actividade en Google
Para poder ofrecerche unha mellor experiencia, recompilamos información acerca da actividade que levas a cabo nos nosos servizos, como, por exemplo, os termos que buscas e os vídeos que ves, as persoas coas que te comunicas ou compartes contido, e o historial de navegación de Chrome.
Recompilamos información sobre as aplicacións, os navegadores e os dispositivos que utilizas para acceder aos servizos de Google, o cal nos axuda a ofrecerche funcións como a de atenuar a pantalla se che queda pouca batería.
Tratamos información relativa á túa localización (por exemplo, cando utilizas funcións como as indicacións paso a paso). Para obter máis información, consulta a sección Localización.
Por que recompila datos Google?
Recompilamos a información que necesitamos para ofrecerche os nosos servizos, para facer que che resulten máis útiles e por outros motivos que se explican máis abaixo (sección Para que utilizamos os datos?).
Por exemplo, Google Maps pode axudarche a chegar a onde te dirixes e evitar o tráfico porque combina os teus datos sobre a túa localización con información pública (por exemplo, mapas ou detalles sobre puntos de interese).
Para que utilizamos os datos?
Fornecer os nosos servizos
Utilizamos os datos para ofrecermos os nosos servizos (por exemplo, para procesar os termos que buscas a fin de mostrarche resultados).
Manter e mellorar os nosos servizos
Os datos axúdannos a manter e mellorar os nosos servizos. Por exemplo, grazas a eles podemos facer un seguimento dos fallos do servizo. Así mesmo, permítennos saber cales son os termos de busca que se escriben incorrectamente con máis frecuencia, o que nos axuda a mellorar as funcións do corrector ortográfico que se usan nos nosos servizos.
Desenvolver novos servizos
Os datos axúdannos a desenvolver novos servizos. Por exemplo, grazas a eles puidemos entender como a xente organizaba as fotos na nosa primeira aplicación de fotos, Picasa, e usamos esa información para deseñar e lanzar Google Fotos. Podemos usar as túas interaccións cos nosos servizos, como os produtos de IA xenerativa, para desenvolvelos e melloralos.
Ofrecer servizos personalizados, como contidos e anuncios
Utilizamos os datos para ofrecerche contido personalizado (por exemplo, recomendacións de vídeos que poderían gustarche). En función da túa configuración e da túa idade, poderemos mostrarche anuncios personalizados baseados nos teus intereses.
Medir o rendemento
Tamén utilizamos os datos para medir o rendemento e entender como se utilizan os nosos servizos
Comunicación contigo
Se detectamos algunha actividade sospeitosa, poderiamos utilizar o teu enderezo de correo electrónico para enviarche unha notificación
Protexer a Google, os nosos usuarios e o público
Utilizamos os datos para protexer as persoas cando utilizan Internet (por exemplo, para detectar e previr fraudes)
Como utiliza Google os datos para personalizar a miña experiencia?
Usamos a información que recompilamos para adaptar os nosos sitios e aplicacións ás túas preferencias. Grazas a este proceso, podemos ofrecerche, por exemplo:
- Recomendacións de vídeos que poderían gustarche
- Consellos de seguranza adaptados á forma en que utilizas os servizos de Google (consulta Revisión de seguranza)
Alén diso, utilizamos os datos para personalizar os anuncios, agás naqueles casos en que a opción de configuración estea desactivada ou para certas idades.
Google personaliza os anuncios que vexo?
Tentamos facer que os anuncios que mostramos sexan o máis útiles posible. Porén, non personalizamos os anuncios para persoas de certas idades nin para quen ten desactivada a opción Personalización de anuncios.
Aínda así, podemos facer que os anuncios resulten útiles, malia non personalizármolos. Por exemplo, se estás nunha páxina de resultados para a busca "zapatos novos", pode que vexas un anuncio dunha empresa de zapatillas deportivas. Este pode basearse en factores xerais, como a hora do día, a localización xeral e o contido da páxina na que te atopas.
O control, nas túas mans
Como podo escoller o que garda Google na miña conta?
Cando utilizas un servizo de Google (por exemplo, Fotos), algunhas opcións de configuración permítenche decidir cousas como se queres facer unha copia de seguranza das túas fotos e sincronizalas.
Tamén hai opcións de configuración que che permiten decidir se a información sobre a túa actividade nos servizos de Google se garda como historial na túa Conta de Google e se os devanditos servizos poden usar a información desa Conta para personalizar a túa experiencia.
Recomendacións personalizadas nos servizos de busca
Esta opción permíteche escoller se os servizos de busca (como a Busca, Maps, Shopping, Hoteis, Voos, o Tradutor e News) che poden ofrecer recomendacións personalizadas baseadas en datos da túa Conta de Google, como a información do teu perfil e o historial gardado. Por exemplo, os servizos de busca poden usar esa información para ofrecerche respostas xeradas por IA adaptadas aos teus intereses.
Historial dos servizos de busca
Esta opción garda a túa actividade nos servizos de busca, como as buscas e a información asociada, incluída a localización xeral. A túa actividade úsase para ofrecerche unha experiencia máis personalizada nos servizos de busca. Por exemplo, cando comezas a escribir, podes ver buscas anteriores como suxestións. Google tamén utiliza os datos do teu historial dos servizos de busca para axudar a mellorar os seus servizos e tecnoloxías, incluídos os modelos de IA, e para protexer a Google, as persoas que utilizan a plataforma e o público en xeral.
Personalización de Play
Esta opción permíteche escoller se Google Play pode usar a información da túa Conta de Google (por exemplo, os elementos que compres e descargues de Play Store) para ofrecerche unha experiencia máis personalizada. Entre outras cousas, Play pode obter información das aplicacións que uses para ofrecerche recomendacións máis atinadas de aplicacións.
Historial de Play
Esta opción garda a túa actividade de Play (como as aplicacións que abras no teu dispositivo) na túa Conta de Google. A devandita actividade pode usarse para personalizar a túa experiencia nos servizos de Google (por exemplo, para axudarche a atopar máis rápido as aplicacións que busques).
Actividade web e das aplicacións
Esta opción garda a túa actividade que procede de determinados sitios e aplicacións de Google, como Google TV, e inclúe a información asociada, como a localización. Tamén garda o historial sincronizado de Chrome e a actividade procedente de sitios, aplicacións e dispositivos que utilizan os servizos de Google. A túa actividade úsase para ofrecerche mellores recomendacións e experiencias máis personalizadas nos servizos de Google.
Historial de YouTube
Nesta opción gárdanse os vídeos que ves e as buscas que fas cando utilizas YouTube. O teu historial de YouTube utilízase para ofrecerche recomendacións máis atinadas e axudarche a retomar a actividade onde a deixases, entre outras cousas.
Actividade nas aplicacións Gemini
Esta opción permíteche escoller se Google pode usar a túa actividade de Gemini (por exemplo, os teus chats e o que compartas con Gemini, como ficheiros e fotos) para axudar a mellorar os servizos de Google, incluídos os modelos de IA. A túa actividade nas aplicacións Gemini tamén se utiliza, por exemplo, para que poidas retomar os chats onde os deixases en calquera momento.
Como elimino os meus datos?
Podes eliminar os datos que están gardados na túa Conta de Google. Os que decidas eliminar de forma permanente quítanse dos nosos sistemas. Seguimos un coidadoso proceso para asegurarnos de que estes datos se quiten por completo dos nosos servidores ou se conserven unicamente nun formulario que non poida asociarse contigo.
Visita A miña actividade para revisar a actividade que está gardada na túa Conta de Google (por exemplo, as solicitudes que enviases e o contido que buscases, leses e vises). Podes eliminar determinados datos ou toda a actividade comprendida nun intervalo de tempo concreto.
Así mesmo, podes optar por eliminar a actividade de forma automática.
Como descargo o meu contido?
O teu contido son os teus correos electrónicos, fotos, vídeos, documentos, follas de cálculo, comentarios, contactos e eventos do calendario, entre outras cousas.
Se queres crear un arquivo co teu contido (xa sexa para facer unha copia de seguranza ou para levalo a outra empresa, no caso de que queiras probar un servizo diferente), visita Descargar os teus datos.
De que controis dispoño cando teño a sesión pechada?
Mesmo cando tes a sesión pechada, dispós de distintos controis que che permiten escoller como usar Google. Nese caso, visita g.co/privacytools para cambiar estas opcións de configuración:
Personalización das buscas
Esta opción permite que se utilicen as buscas que fas en Google desde este navegador para ofrecerche resultados e recomendacións máis relevantes.
Historial de busca e de visualización de YouTube
Esta opción permite que se utilicen os datos da actividade que levas a cabo en YouTube (por exemplo, os vídeos que ves e as buscas que fas) para personalizar a túa experiencia nesta plataforma.
Tamén podes bloquear algunhas ou todas as cookies do teu navegador, pero, se o fas, poderían deixar de funcionar algunhas funcións da Web. Por exemplo, en moitos sitios web é obrigatorio ter as cookies activadas para poder iniciar sesión.
Os usuarios que teñan a sesión pechada tamén poden escoller se queren ver anuncios personalizados. Con todo, non personalizamos anuncios para certas idades.
